A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. A cidade austriaca de Krems acollerá o I Foro Europeo de Soberanía Alimentaria, organizado pola Coordinadora Europea da Vía Campesina

A cidade austriaca de Krems acollerá o I Foro Europeo de Soberanía Alimentaria, organizado pola Coordinadora Europea da Vía Campesina

10 de Agosto do 2011

ECVC

A cidade de Krems, famosa pola súa produción vinícola e a súa cercanía co Danubio, será a anfitrioa do primeiro Foro Europeo sobre Soberanía Alimentaria. De Galiza, asistirán Isabel Vilalba Seivane, en calidade de responsábel de gandería na Coordinadora Europea da Vía Campesina, e Lidia Senra como representante do Sindicato Labrego Galego. 

O concepto de soberanía alimentaria foi mencionado, por primeira vez, en 1996 por Vía Campesina, durante o Cumio Mundial dos Alimentos da FAO en Roma. A soberanía alimentaria coloca aos labregos e ás labregas e aos consumidores e ás consumidoras no centro do debate, e apoia a todos os pobos no seu dereito a producir os seus propios alimentos locais e culturalmente axeitados, alén das condicións dos mercados internacionais. 

Nun intre no que a Comisión Europea prepara os proxectos de lei para a futura Política Agraria Común (PAC), proxectada para outubro de 2011, máis de 500 participantes de toda Europa farán as súas achegas sobre o maior desafio que a agricultura afronta na actualidade: como desenvolver a agricultura a pequena escala e manter o tecido socioeconómico e cultural das zonas rurais en Europa.

Que medidas concretas se tomarán para executar este importante paso político?

As organizacións presentes en Krems tentarán dar con esta resposta, e propor estratexias concretas, baseadas no concepto de soberanía alimentaria, que acadaría un desenvolvemento territorial equilibrado, mantería as explotacións familiares, produciría alimentos san e desenvolvería oportunidades nos mercados locais.

O día 19 de agosto, dentro do I Foro Europeo de Soberanía Alimentaria, están organizadas varias excursións para visitar explotacións de agricultura ecolóxica, cooperativas, cervexerías tradicionais e un mosteiro; e un mercado de ideas no que se presentarán os contidos do foro e haberá posibilidade de entrevistarse coas organizacións participantes.