A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. O Sindicato Labrego Galego impulsa un mercado de alimentos labregos e unha páxina web no marco da soberanía alimentaria

O Sindicato Labrego Galego impulsa un mercado de alimentos labregos e unha páxina web no marco da soberanía alimentaria

2 de Septembro do 2011

Ana Rodríguez e Carme Freire

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire; e a secretaria de Desenvolvemento Rural, Ana Rodríguez, presentaron, en Compostela, dúas iniciativas enmarcadas na reivindicación da soberanía alimentaria para Galiza: un mercado de produtos labregos que se celebrará este domingo, 4 de setembro, no paseo central da Alameda de Compostela; e a posta en marcha da páxina web "Alimentos labregos".

Ana Rodríguez explicou que o mercado, que terá un horario de 10:00 a 14:30, traerá á capital galega a unha trintena de produtores e produtoras de todo o país para vender, directamente e sen intermediarios, alimentos de todo tipo producidos nas súas propias explotacións: hortalizas, froita, leite, queixos, conservas, pan, viño, mel, zumes, etcétera. Ademais, de xeito paralelo, tamén se realizarán proxeccións de vídeos e documentais sobre a produción e comercialización de alimentos baixo unha carpa instalada para esta fin.

En canto á páxina web www.alimentolabrego.org, nace coa intención de xuntar nela, de aquí a finais de ano, a todos os afiliados e afiliadas do Sindicato Labrego Galego que aínda fan venda directa, e que poden ser máis de 200 persoas. Non se trata dunha páxina na que se poidan facer pedidos a través de Internet, senón dun portal electrónico no que cada explotación vai ter o seu espazo para explicar quen traballan nela, que producen e de que xeito o fan, en que lugar se atopan e como se pode establecer contacto con eles para que as persoas interesadas poidan coñecer directamente aos produtores e produtoras, a terra na que traballan, e mercar os seus produtos.

Pola súa banda, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, quixo afondar no contido destes eventos, aos que cualificou de “actos de resistencia no marco da soberanía alimentaria”. Freire criticou as políticas agrarias actuais, que provocan a desaparición de miles de explotacións, o abandono do medio rural, a extinción da nosa cultura alimentaria, e a imposición un modelo industrial no que unhas poucas multinacionais da alimentación e grandes distribuidoras controlan e deciden por nós a nosa alimentación.

Fronte a esta situación, Carme Freire reivindicou que, a través de iniciativas como o mercado e a páxina web presentadas hoxe, “as persoas e a cidadanía poidamos recuperar e exercer o noso dereito a escoller libremente os alimentos cos que nos nutrimos. Esa capacidade de decisión é o que definimos, dende o SLG e a Vía Campesina, como soberanía alimentaria, que é a capacidade de poder decidirmos que queremos comer, de onde queremos que proveñan eses alimentos, e de que xeito queremos que se produzan”. Dende este punto de vista, Carme Freire subliñou que o mercado de produtos labregos deste domingo e a páxina web “teñen un marcado carácter político e reivindicativo, e van moito máis alá dunha simple experiencia comercial alternativa”.

Ana Rodríguez e Carme Freire

 

 

 

undefined

 

 

 

 

 

undefined

Ficheiro adxunto