A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. O SLG reforzará a Rede Galega de Sementes grazas a un intercambio con organizacións agrarias europeas

O SLG reforzará a Rede Galega de Sementes grazas a un intercambio con organizacións agrarias europeas

31 de Outubro do 2013

Belén Fervenza

O Sindicato Labrego Galego vén de participar no primeiro Seminario Europeo sobre Sementes, organizado pola Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) e a Federación Natureza e Progreso en Gaillac (Francia). Representaron ao SLG a vicerresponsable da Dirección da Horta, Belén Fervenza, e a técnica Conchi Mogo. Ambas participaron, durante tres días, nesta experiencia formativa na que os labregos e as labregas participantes intercambiaron coñecementos prácticos relativos á reprodución, selección e conservación das sementes. Tamén se levaron a cabo unha visita a unha granxa, unha conferencia pública e unha bolsa de intercambio de sementes labregas.

Para Belén Fervenza, esta foi “unha experiencia moi positiva que nos serviu para dar a coñecer a Rede Galega de Sementes, que lles pareceu moi interesante ás persoas que participaron no seminario”. Unha das cuestións que máis chamou a atención ao respecto é o feito de que sexan, na maior parte dos casos, as mulleres labregas as encargadas de recoller e conservar as sementes e as responsables directas de que, hoxe en día, poidamos seguir utilizando as variedades tradicionais. Trátase dun labor fundamental para a produción de alimentos e para a soberanía alimentaria dos pobos, e dende as diversas organizacións que integran a ECVC comprometéronse a darlle valor a esta tarefa.

Esta experiencia ao redor das sementes realizouse nun contexto no que a Comisión Europea ten en marcha unha reforma sobre a comercialización e reprodución de sementes, que se votará no Parlamento Europeo en xaneiro de 2014. Sobre isto, Belén Fervenza aclarou que o regulamento comunitario que se está a debater respecta dereitos básicos dos labregos e das labregas como poder conservar, reproducir, intercambiar e comercializar as propias sementes. Mais “entraña tamén perigos, como deixar desprotexidas as sementes heteroxéneas -aquelas que non están rexistradas oficialmente como variedades tradicionais ou comerciais- que as grandes empresas poderían patentar”. Outro dos perigos do novo regulamento é que ás pequenas explotacións se lles impoñan, para traballar con sementes, as mesmas normativas fitosanitarias que ás grandes empresas, cousa que sería case imposible de cumprir pola maioría. En resposta a estas ameazas, a ECVC está a organizar unha manifestación en Bruxelas para defender as sementes como un patrimonio da humanidade que debería ser inviolable e non propiedade dunhas poucas empresas.

O Seminario Europeo de Sementes tamén serviu para aprender de experiencias doutras organizacións agrarias en Europa. Neste senso, Belén Fervenza destacou todo o traballo desenvolvido en Francia, onde a normativa estatal de sementes é moito máis restritiva que na Galiza. No país veciño, a nivel local se organizan as coñecidas como Casas de Sementes Labregas (Maisons des Semences Paysannes), que son un espazo -non necesariamente físico- no que se organiza a defensa das sementes labregas en todas as súas facetas: clasificación, coñecemento técnico, formación, recompilación de datos, difusión de variedades, etc. Despois, todas esas casas organízanse na Réseau Semences Paysannes (Rede de Sementes Labregas). Para Belén Fervenza, “é un xeito de organización do que podemos aprender moito na Galiza de cara a conservar as nosas sementes tradicionais e protexelas da cobiza das grandes industrias do sector”.