O Sindicato Labrego esixe a Medio Ambiente que dea marcha atrás á creación dunha Zona de Especial Protección de Aves na Limia

Unha comitiva da organización agraria reuniuse co delegado da Consellaría para facerlle ver que o proxecto suporá un grave atranco ao desenvolvemento da actividade das explotacións agrarias da bisbarra

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego formada por un grupo de labregos da Limia e polo responsábel local da organización, Anxo Pérez Rúa, reuniuse co delegado da Consellaría de Medio Ambiente en Ourense, Francisco Fumega Piñeiro, o pasado 12 de xullo. A intención do encontro era a de expresar o malestar xeneralizado que existe na bisbarra polas formas á hora de declarar parte da comarca limiá como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA), e polo perigo que supón este proxecto para a agricultura da bisbarra.

A comitiva do SLG explicoulle a Piñeiro que, logo de coñecer a nova –a través dos medios de comunicación- da declaración inminente de 10.624 hectáreas como zona ZEPA na comarca da Limia para dar cumprimento ás esixencias da Unión Europea, os distintos sectores produtivos da comarca “sentiron como se lles botasen unha lousa enriba”.

O responsábel limiao do Sindicato Labrego, Anxo Pérez Rúa, criticou que “a declaración como Zona de Especial Protección de Aves na comarca da Limia estase a tramitar dun xeito precipitado e sen consulta previa cos sectores sociais máis directamente afectados”.

O certo é que declarar unha bisbarra como ZEPA trae canda si grandes limitacións e prohibicións que afectan ás transformacións agrarias que impliquen unha intesificación do sistema de cultivo, como xa se ten visto noutras partes do estado español. No caso concreto da Limia, crear unha ZEPA suporía pór en serio perigo o Plan de Regadío en tramitación; criminalizaría o vertido de residuos sólidos e líquidos procedentes de explotacións agrícolas e gandeiras; obstaculizaría o acceso á zona en época de reprodución e aniñada de especies, amais da apertura, limpeza e mellora de camiños, pistas e estremas; prohibiría a instalación de cercas, valados, cerramentos e novas edificacións en solo rústico; impediría actividades que necesiten facer movementos de terra, etcétera. Todo atrancos que afectan e obstaculizan seriamente as actividades agrarias.

Á vista do devandito, o Sindicato Labrego Galego amosoulle ao delegado o seu malestar diante da actitude da Consellaría de Medio Ambiente, que pretende sacarlle ferro ao asunto dicindo que a declaración como zona ZEPA vai a ter un impacto mínimo nas actividades que se veñen desenvolvendo actualmente.

O Sindicato Labrego Galego, explicou Anxo Pérez Rúa, “entende que as distintas actividades que se fagan na zona deben de garantir a protección do medio ambiente, pero tamén hai que ter en conta que moitas das especies de aves e anfibios viven grazas ás distintas actividades agrícolas que se están a desenvolver na comarca”.

Coa declaración como Zona de Especial Protección de Aves, moitas destas actividades poderían desaparecer, coa conseguinte perda de activos agrícolas e gandeiros, sendo a Limia a única comarca de Ourense que segue a manter e, mesmo, a incorporar nov@s traballadores e traballadoras na profesión agraria.

Por todo o antedito, o Sindicato Labrego Galego esixiu da Consellaría de Medio Ambiente que reconsidere a declaración de Zona de Especial Protección de Aves na Limia, debido “as nefastas consecuencias que isto vai a supor no tecido socioeconómico de toda a bisbarra e, en especial, do seu medio rural”.