Agroecoloxía e soberanía alimentaria: un camiño a seguir

por Charo Sánchez Parga, coordinadora do sector da agroecoloxía no SLG

Co fin de poder ir avanzando no debate sobre o modelo de produción que queremos definir e defender no seo do Sindicato Labrego Galego, gustaríame compartir convosco algunhas reflexións na defensa da agricultura labrega familiar, baseadas nos principios da soberanía alimentaria e a agroecoloxía como resposta ao modelo neoliberal que nos impoñen dende fóra, dende organismos como a Organización Mundial do Comercio (OMC), o Fondo Monetario Internacional (FMI), etcétera.

Agroecoloxía non e só "agricultura sostible" para os labregos e labregas nos países pobres ou para os labregos e as labregas pobres de todos os países. Agroecoloxía é un xeito de produción de alimentos enfrontado tanto á agricultura industrial como aos seus circuítos de distribución global.

As bases máis firmes da agroecoloxía son:

  • Producir alimentos contando coa natureza e non indo contra dela.
  • Manter o territorio mediante tecnoloxías apropiadas, variedades autóctonas e prácticas protectoras do ecosistema no seu conxunto.
  • A agroecoloxía parte dun principio de austeridade no uso de insumos, especialmente enerxéticos.
  • A agroecoloxía apóiase nun coñecemento popular e colectivo, depositario da sabedoría e a racionalidade labrega; coñecemento que a modernización capitalista desterra porque non é “eficiente” nos termos de mercado.

A agroecoloxía labrega aparece como un xeito de superar a agricultura industrial imposta polo mercado global. Ocúpase tamén doutras dimensións vinculadas á vida rural como deter e reverter o despoboamento do campo, ou recuperar hortos e actividades agrogandeiras tradicionais que hoxe se atopan nun proceso de abandono naquelas zonas marxinadas polos circuítos comerciais.

Debemos entender a produción agroecolóxica como unha actividade inserta na vida socio-rural que comprende eidos tan amplos como a saúde; a educación; a cultura; o reparto de traballo no coidado da rapazada, d@s maiores e das persoas dependentes, etcétera.

A agroecoloxía reivindica que o coñecemento do potencial dos agrosistemas foi captado polos labregos e labregas tradicionais a través dun proceso de ensaio, erro, selección e aprendizaxe cultural ao longo dos séculos. Isto significa recoñecer que, en contraste cos modernos sistemas de produción agrícola, as culturas labregas desenvolveron ao longo da historia sistemas ecoloxicamente máis correctos e sostibles de apropiación dos recursos naturais.

Neste senso, o coñecemento e a experiencia formal, social e biolóxica obtida dos sistemas agrarios tradicionais; e o coñecemento dalgúns dos inputs desenvoltos polas ciencias agrarias convencionais, poden combinarse para mellorar tanto os agrosistemas tradicionais como os modernos e facelos sostibles.

O principio agroecoloxíco implica que calquera sistema agrario, incluso calquera finca, é produto da interacción entre os seres humanos e a natureza. Isto ten implicacións moi relevantes: a idea de que os sistemas agrarios son, en realidade, ecosistemas artificiais; ou a idea de que, con dita interacción, non se mantiveron idénticos ou estáticos ao longo do tempo, senón que mudaron de acordo coa dinámica que tal interacción foi xerando en todas e cada unha das partes que compoñen o sistema.

A agroecoloxía pretende analizar os distintos sistemas agrarios e as experiencias que dentro deles foron desenvolvendo os labregos e as labregas, valorando se os distintos xeitos de manexo se traduciron en formas correctas de reprodución social e ecolóxica dos agrosistemas.

Atopamos tres eixes centrais na agroecoloxía:

  • Ecolóxico ou técnico–agronómico, ao considerar o funcionamento ecolóxico da natureza e a súa adaptación mediante o manexo agrícola, gandeiro e forestal.
  • Socioeconómico ou de desenvolvemento local, xa que incorpora a perspectiva histórica e o coñecemento local mediante estratexias de investigación e acción participativa.
  • Sociocultural e político, porque introduce, xunto co coñecemiento científico, outras formas de coñecemento local, e articúlaas cos movementos sociais e de resistencia á modernización capitalista.

Para que unha agroecoloxía labrega poida abrirse paso, é necesario que politicemos a nosa actividade e ir máis alá de producir alimentos sans ou non contaminar a natureza, pensando noutros problemas como moderar o desexo irracional e consumista da explotación dos recursos naturais implantado na conciencia social da poboación polas multinacionais e os intelectuais defensores da globalización.

A economía moderna non produce os bens e servizos que necesita a poboación, senón mercadorías que xeran beneficios. As necesidades humanas básicas, incluída a alimentación, quedan subordinadas a eses beneficios. Con isto, a lóxica da vida é subordinada á produción industrial de alimentos para o mercado mundial.

A produción industrial de alimentos substitúe a figura das labregas e dos labregos que producen alimentos sans para as persoas, pola do empresario ou empresaria que produce mercancías alimentarias para o mercado coa finalidade de gañar diñeiro. A hexemonía mercantil e competitiva acaba eliminando a pequena produción agroalimentaria labrega, substituíndoa por empresas ou sociedades anónimas que concentran a produción e a distribución onde lles é máis vantaxoso.

A diferenza do empresario ou da empresaria que busca enriquecerse ao producir alimentos e extraer a máxima produtividade inmediata da terra e o traballo empregado; as labregas e labregos cultivamos plantas e/ou coidamos gando para obter alimentos sans, respectando os ciclos da natureza e procurando aumentar a fertilidade do solo para os anos vindeiros. Non se produce ilimitadamente, senón que se produce ata satisfacer as necesidades do grupo familiar. A familia labrega non escatima traballo, xa que non se emprega nin contabiliza en termos de mercado, senón como medio necesario para facer fértil a terra e para coidar da familia. Destinan parte de súa produción ao intercambio, agardan unha remuneración suficiente para vivir con dignidade e transmitir os seus coñecementos e experiencia, integrados cos dos devanceiros para as xeracións futuras.

Esta é a racionalidade ecolóxico-labrega, totalmente diferente da racionalidade económico-empresarial. Non esquezamos que a declaración universal dos dereitos humanos considera o dereito á alimentación e ao benestar nutricional como un dereito fundamental das persoas.

Crear as condicións para o desenvolvemento dunha soberanía alimentaria implica asumir, como labregas e como labregos, as nosas responsabilidades fronte ao sistema actual de produción.